Logo do éxito e repercusión de Cine África 2010, realizado en Coruña no mes de novembro e en Santiago de Compostela en decembro, impúlsase novamente a través da Deputación da Coruña co apoio de Casa África e Al-Tarab -entidade que pon a disposición títulos de recoñecido prestixio procedentes do Festival de Cine Africano de Tarifa (FACT)- este novo ciclo de cine.
Cine África Ferrol, da continuidade a unha aposta cultural nova e diferente que pretende achegar a realidade africana á maior cantidade posible de espectadores, contando coa calidade e recoñecemento das proxeccións previstas, por estar os films e documentais contados polos seus propios protagonistas, os africanos e africanas, utilizando o cine como ferramenta e fiestra de difusión da súa propia cultura e vida cotiá.
Afonda pola vía dos feitos e das percepcións, en como as persoas que viven neste continente enfrontan as súas vidas, a súa loita cotiá, os desafíos e esforzos tanto individuais como colectivos, dentro da diversidade que supón a vida nun continente enteiro, con culturas, linguas, crenzas e organizacións sociais diferentes.
En Cinenómada o cine é a escusa perfecta para establecer o diálogo e a comunicación cun público cada vez máis receptivo, numeroso e sensible ante a realidade sociocultural e política africana, un continente tan rico coma descoñecido.